Tuesday 21 de May de 2024

Ampliado ata o 30 de setembro o prazo de solicitudes para axudas de autoemprego e creación de empresas por parte de emigrantes retornados, e ata o 31 de outubro o de presentación de documentación xustificativa


A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración complementa, sen excluílas, as axudas doutros departamentos autonómicos e doutras administracións para autónomos e emprendedores

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se amplían os prazos de presentación de solicitudes e de xustificación para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, na súa convocatoria do presente ano, ata o vindeiro día 30 de setembro. Amplíase asemade o prazo para presentación de xustificacións ata o 31 de outubro.

Estas subvencións, cun orzamento global de 150.000 euros e un tope máximo de 8.000 por solicitude, son compatibles e complementarias coas axudas establecidas -para todas as fases de emprendemento- para a poboación galega xeral da Consellería de Economía, Emprego e Industria -tanto a través da Secretaría Xeral de Emprego coma do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE)- e tamén as doutras administracións e entidades privadas.

Un dos aspectos máis salientables destas axudas é que, ademais de garantir o autoemprego para a persoa retornada, implican na maioría dos casos a creación ou consolidación de empregos directos e indirectos na localidade onde se implanta a nova empresa. Xéranse por tanto non só novos postos de traballo, senón maior mobilidade financeira local, e axúdase ao pulo da economía da zona. Asemade, incentívase a recuperación da poboación na Galicia territorial e, nalgúns casos, a fixación en territorios con descenso demográfico.

23 novas empresas
As axudas para o retorno emprendedor, ademais, responden á vontade dos galegos do Exterior, cando volven á súa terra, de seguir axudando ao seu progreso e desenvolvemento económico. Moitas destas iniciativas supoñen para eles unha segunda oportunidade, con maiores e mellores coñecementos, e para a Galicia territorial, un balón de osíxeno fundamental nas microeconomías locais.

Estas achegas axudaron o pasado ano 2015 a poñer en marcha 23 novas actividades económicas por parte de galegos do Exterior que retornaron á terra, algunhas delas innovadoras. Abriron ademais as súas portas negocios como estudio de arquitectura, comercio téxtil, de calzado, perruquería, cantería, xestoría, xoiería, ou ximnasio, entre outros.

O éxito paulatino da iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración levou ao seu incremento orzamentario en 2016 nun 50%, ata acadar os 150.000 euros.

Obxectos de subvención
A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos que leva consigo o establecemento das persoas galegas emigrantes retornadas ben como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como socios traballadores de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención para os destinatarios ata o 80 por cento dos gastos de notaría e rexistro, tributos, licencias administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de ventas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (calefacción, auga, gas, electricidade, telefonía, internet…).

A contía tope da axuda é de 4.000 euros para autónomos e 6.000 para sociedades laborais ou cooperativas, en ambos casos con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos e outros 1.000 máis se a persoa solicitante é muller.

Os requisitos que contempla a resolución é cumprir a condición de persoa galega retornada, que teña fixada a súa residencia en Galicia e que estea dado de alta no réxime da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que lle corresponda.